Info A Fonsagrada image

SEIMEIRA DE VILAGOCENDE

Galicia é terra de mil ríos, ríos que son o sangue e as venas da nosa terra e que durante séculos deron forma á nosa xeografía. Parte da cultura galega xorde da unión entre o pobo e o aproveitamento desa auga para poder realizar as máis diversas labores. A auga, a pedra e a natureza forman en Galiza lugares únicos e incomparables. 

Un desos lugares atópase aquí, na Fonsagrada. Trátase da Seimeira de Vilagocende, un salto de auga de 50 metros de caída vertical que forma o Río Porteliña.


O Río Porteliña nace na Serra do Hospital, xunto a picos que superan os 1000 m de altura, como LAgoseca de 1108. Encáixase logo nun estreito vale rodeado de montes de grande altura, a unha profundidade de 500 m sobre as cotas altas.


Antes de entrar as súas augas ao Río Lamas, afluente do Suarna e éste do Navia, discurre entre os montes de Vilarón (791 m) e o Monte do Ruibal (785 m). É aquí, onde unha fractura de roca que atravesa o vale de Norte a Sur formou unha parede rocosa vertical de máis de 50 m, onde o río Porteliña non ten máis remedio que "saltar" dita fractura para formar o salto de auga máis espectacular de Lugo, senón tamén de Galicia.


Para chegar dende Fonsagrada chega con, pasada a Praza de España en dirección Navia coller a dereita en dirección ao vale do Río Lamas. A pista pola que se accede á fervenza está un pouco despois de O Fito e antes de chegar a Vilagocende. PAsaremos pola Igrexa da Virxe do Sagrada Corazón e a uns 200m teremos o sinal que nos indica a Seimeira. Deixaremos aquí o coche e disfrutaremos do paisaxe do vale e da vexetación propia destos paraxes coa presencia de centenarios castiñeiros e outras especies autóctonas. A un pouco maís de 1 km chegaremos a un dos lugares máis máxicos de toda Galicia. Unha pasarela de madeira conduciranos hasta os pés da fervenza, que se atopa acondicionada con algunha mesa, banco e unha fonte, así como unha ponte de madeira que da acceso á outra ribeira onde se atopan os restos dun vello muín de pedra.

Fonte: https://www.galiciamaxica.eu/galicia/lugo/vilagocende-2/ (Traducido)

Información obtida da páxina web do Concello de A Fonsagrada

Museo Etnográfico

ORIXE

O Museo da Fonsagrada foi fundado no ano 1984 por un grupo de veciños da comarca da Fonsagrada constituídos en padroado , do que forman parte tamén o Concello da Fonsagrada e os centros de educación primaria e secundarias.

A actividade deste grupo representa unha forma de integración da sociedade local na institución do Museo, a través da cesión e localización de pezas, da prestación económica ao sostemento do mesmo, e da prestación persoal en actividades e traballos a prol do Museo.

O Museo desexa presentar as formas de vida e de traballo tradicionais dunha comarca da montaña na que a evolución dos tempos está a piques de deixar no esquecemento esas formas de cultura, pretendéndose, ao mesmo tempo, presentalas de xeito que se provoque no visitante unha reflexión sobre o valor cultural da vida tradicional e sobre as circunstancias nas que se está a dar a cambio no medio rural.

SECCIÓNS

Museo Etnográfico A FonsagradaNeste museo recóllense aspectos da vida tradicional destas terras montañosas. Dispón de salas de etnografía (oficios tradicionais, vida rural, xogos, escola,...), arquitectura popular (vivenda, hórreos, muíños...), historia local, arqueoloxía (achádegos da época das mámoas, castrexa ou da romanización), mostras do mundo agrícola, escultura relixiosa e escultura contemporánea.

Esta última presenta a singularidade de mostrar unha colección de obras que pretenden poñer de relevo a supervivencia das antigas formas populares na escultura moderna.

Conta tamén cunha biblioteca especializada e un arquivo fotográfico. Dispón ademais dun local para exposicións (de pintura, escultura, fotografía, etc.).

 

DE IDA E VOLTA

O Museo presenta como parte importante dos seus fondos e como rasgo diferenciador do seu carácter, unha colección de arte contemporánea, principalmente esculturas, repartidas entre as distintas seccións do Museo, formando elas mesmas unha sección baixo a denominación “DE IDA E VOLTA”.

Estas obras, intencionadamente mesturadas entre os obxectos tradicionais, están escollidas por presentar nas súas formas, na súa intencionalidade, ou simplemente no seu poder suxeridor, unha conexión coas pezas da cultura popular expostas.

Os artistas representados polo de agora son os seguintes:

Mónica Alonso, Ignacio Basallo, Manolo Paz, Paco Pestana, Xoan Lomarti, Ricardo Monjardín, Álvaro de la Vega, Pablo Sánchez, Luis Borrajo, Fernando Villapol, Xosé miguel Moldes e Manuel Moldes, todos con obra propiedade do Museo ou cedida en depósito.

ARQUEOLOXÍA

Son tres as épocas de poboamento máis antigo que se coñecen na comarca, presentadas no Museo a través de obxectos achados casualmente e tamén por medio de fotografías, material doado na súa maior parte polo profesor Enríque López, patrón do Museo.

Da época das MÁMOAS ou MODORRAS, correspondentes aos poboadores máis antigos coñecidos (c

ultura recoñecible polos enterramentos baixo grandes lousas), amósanse posibles ofrendas de pedra de culto mortuorio e machados de cobre e bronce.

Da época CASTREXA, correspondente aos numerosos castros da comarca, expóñense restos cerámicos, pezas para o traballo téxtil, pezas de enxoval e muíños barquiformes de pedra.

Da época da ROMANIZACIÓN, manifestada principalmente nos restos evidentes de explotacións mineiras, son varios muíños de pedra circulares, anacos de cerámica “sigillada” e restos de ferramentas de uso mineiro.

ETNOGRAFÍA

Esta sección inclúe a instalación dunha ADEGA, Dunha FORXA de ferreiro e dunha LAREIRA , todo na planta baixa do Museo. O mundo dos OFICIOS RURAIS: cesteiro, zoqueiro, carpinteiro, torneiro, cordeiro, tecedeira, incluso músico (co cego Florencio dos Vilares e o seu violín) está representado con todos os seus trebellos, facendo evidente a importancia que tiveron nunha economía de autosuficiencia.

O mundo da LABRANZA inclúe o carro e os apeiros. Do mundo do MONTE exponse unha mostra sobre os soutos, a serraxe da madeira e o mel e as colmeas.

Existe un espazo dedicado á EMIGRACIÓN que recolle os recordos da estancia en Bos Aires e A Habana do emigrado Euloxio Gutiérrez, de Maderne, doados pola súa familia.

ARQUITECTURA

A interesante arquitectura popular da comarca exponse nunha sección que mostra, a través de maquetas, planos e fotografías, as características construtivas, os materiais e os tipos de vivenda máis frecuentes, clasificados estes como CASA PALLOZA e as súas derivadas, a CASA CÚBICA, e a CASA CON CORREDOR, correspondentes a distintas épocas e localozacións xeográficas.

Tamén se recollo a tipoloxía dos HORREOS e a dos muíños de auga, conectados estes cunha pequena sección onde se recolle o mundo do cultivo do cereal.

Gran parte do material exposto resulta da colaboración cos colexios e instituto da Fonsagrada, así como coa escola de arquitectura da Coruña. As maquetas son creacións do artista Manuel Miranda.

Fonte: http://www.afonsagrada.org/info/etnografia--2

Camiño Primitivo de Santiago

Esta ruta de peregrinación a Santiago é coñecida tamén como "ruta astur-galaica do interior", "Camiño Real" ou tamén "vía de Alfonso II O Casto". Esta vía xubilea contou dende a época máis primitiva cunha grande protección rexia baixo distintos monarcas: Alfonso III, Alfonso VI, Alfonso VII (quen peregrina pola mesma), Alfonso IX de León -tal vez o rei que máis fixo por esta ruta-, Alfonso XI (tamén romeiro por estas terras) e incluso o pontífice Pío II.

Xa era unha ruta de “peregrinación” relixiosa celta, e a fonte da Fonsagrada foi unha fonte sagrada para os celtas, pero non a única, había varias por Europa (cfr. Pedro Pablo G. May. Los mitos celtas. 2002)

Por terras galegas, o Camiño Primitivo recorre os actuais concellos da Fonsagrada (antigo Pobra de Burón), Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín de Pallares, Friol, Palas de Rei, Toques, Melide, Arzúa, O Pino e Compostela. No concello fonsagradino, o camiño entra polo porto do Acebo, paralelo á C-630, buscando o hospital de Fonfría; seguindo por Barbeitos e Silvela o Camiño Real achégase a Paradanova ("parada nova"), topónimo con sabor a peregrinación, onde se ramifica.

Dende aquí, a ruta máis antiga baixaba polo Norte cara á Pobra de Burón, capital do concello ata 1835. Posteriormente, unha desviación pola Fonsagrada tratou de acortar camiño, subindo dende Paradanova ata A Praza, na Fonsagrada, desembocando xusto na Fonte Sagrada.

Logo o Camiño de Santiago sobe polo casco antigo da vila, baixando cara a poñente, camiño de Padrón (onde existe un albergue de peregrinos en funcionamento), antes de buscar a encrucillada da Santa Cruz. Seguidamente, esta vereda achégase a Vilardongo -pola capela- para atoparse coa vía buronesa preto de Pedrafitelas, antes de seguir por riba de Montouto ("monte outo") buscando O Muradal. En Montouto atopamos os restos do antigo hospital de Santiago de Montouto, fundado en 1357 polo rei de Castela Pedro I O Cruel, coa fin de ofrecer acollida aos peregrinos que se dirixían a Compostela polo Camiño Francisco dende Asturias. A poucos metros atopamos as grandes pedras dun dolmen neolítico. Finalmente, o camiño pasa por Paradavella ("parada vella"), topónimo que de novo nos indica o paso por estas terras dunha ruta de peregrinación, antes de chegar ao concello do Cádavo.

Hospital de Montouto
Hospital de Montouto

Asociación de Amigos do Camiño Primitivo

Existe unha Asociación de "Amigos do Camiño Primitivo de Santiago" creada no ano 1992, con ocasión dunhas xornadas organizadas polo Museo Comarcal, coa fin de espertar o interese polo Camiño e coidar pola súa recuperación e conservación.

Esta asociación organiza todos os anos unha romaría o día de Santiago Apóstol no antigo Hospital de Montouto (lugar de concentración de peregrinos), na cal ten lugar a celebración dunha xornada especial de reunión dos gaiteiros da zona e de toda Galiza.

Fonte: http://www.afonsagrada.org/info/camino-primitivo--2

Caza e pesca

SOCIEDADE CLUBE DE CAZA E PESCA DA FONSAGRADA

Matrícula: LU-10.002
Couto de caza maior e menor Extensión: 43.323 hectáreas
Dirección: R/ Os Chaos, s/n. Antigo Instituto.
Tlf: 609 390 356

O couto de caza da Fonsagrada está considerado como o máis importante de Galiza e un dos máis importantes de España, dada a súa grande extensión (con 43323 hectáreas é o meirande de España) e a abundancia de pezas existentes. Por tal motivo, en 1999 a Xunta de Galiza concedeulle un trofeo distinguíndoo como o mellor couto e con máis eficiente funcionamento.

As especies que poden cazarse son: corzo (en torno a 1.960 exemplares) e xabaril (800 exemplares), como os máis abundantes; perdiz, codorniz, raposo, lebre, (coello extinto), arcea, entre outras.

A temporada hábil abarca dende o 1 de setembro ata o 21 de outubro para o corzo, e dende o 21 de outubro ata o 31 de xaneiro para o xabaril. Tanto nestas coma nas demais especies existe, por suposto, limitación de pezas por batida. O total de días dispoñíbeis para cacerías é de 45 no caso do xabaril, cun promedio de 7 batidas diarias realizadas, e de 8 días no caso do corzo, téndose realizado tamén un promedio de 7 batidas diarias.

Os días da semana en que teñen lugar as batidas do xabaril son os xoves, sábados, domingos e festivos; e as de perdiz os domingos e festivos.

No caso do corzo o couto dispón de permisos para practicar a modalidade de rececho, o que permite conseguir ingresos considerábeis debido ao cobramento dunha cota de inscrición.

Fonte: http://www.afonsagrada.org/info/caza-e-pesca

Actividades deportivas

Visitar o enlace http://ga.afonsagrada.org/info/actividades-deportivas--2




ESTE SITIO FUE CONSTRUIDO USANDO